Recomendación 26/03/14

Hai libros que emocionan, que conmoven e que perdurarán para sempre na nosa memoria. Un deles é, sen dúbida, o fermosísimo conto “Man, o alemán de Camelle” escrito con mestría pola profesora Beatriz Maceda Abeleira e ilustrado, con verdadeira maxia, por Laura Veleiro. Nunha ocasión o escritor Bertolt Brecht escribiu: “Hai homes que loitan un día e son bos. Hai outros que loitan un ano e son mellores. Hainos que loitan moitos anos e son moi bos. Pero hainos que loitan toda a vida: eses son os imprescindibles”. Man, o alemán de Camelle era destes últimos. Así o coñecemos en vida e así nolo mostrou Beatriz Maceda no seu espléndido libro.

“Man, o alemán de Camelle”. Beatriz Maceda/ Laura Veleiro.

EditaGalebook. PVP: 12 €.

Recomendación 25/03/14

“Vapor” comeza no momento en que Helena decide coller folgos e confesarlle todo ao seu mozo. A protagonista do libro ten 19 anos e hai un sufriu un terrible accidente de avión, do que só ela logrou sobrevivir. A partir dese tráxico suceso, a súa vida cambiou por completo. Desde o accidente a súa existencia está estreitamente vinculada a un segredo. Que foi o que pasou realmente? Por que só se salvou Helena? Cal é o seu segredo?”.

“Vapor”. Lea Tobery.

Edita: Xerais, 2014. PVP: 15 €

Recomendación 24/03/14

“Crictor”, de Tomi Ungerer, é un deses contos clásicos que nunca pasa de moda. O autor, un namorado dos animais ata o punto de convertelos en personaxes principais das súas obras, conta a historia dunha singular serpe que aprendeu o alfabeto e a contar tan ben coma calquera ser humano. Unha historia fabulosa publicada por KALANDRAKA que non te podes perder de ningunha maneira. Faite co libro na libraría A lus do candil.

“Crictor”. Tomi Ungerer.

Edita: Kalandraka. PVP: 15 €.

Recomendación 20/03/14

Acabamos de recibir na libraría “Á lus do candil” unha marabillosa obra de teatro para nenos e nenas titulada “El sueño de una marioneta”. Non vos podedes imaxinar a fermosura deste volume, a súa exquisita sensibilidade, a súa maxia! Escrito por Fernando Rubio e ilustrado por Eugenia Nobati, estamos sen dúbida ante unha auténtica xoia da edición que dará moito que falar nos vindeiros meses. Publicado por La Guarida Ediciones en formato álbum, o libro inclúe catro libretos (un por cada personaxe) para facilitar a posterior representación da obra. Para amantes da lectura, do teatro e da escena. Delicioso.

“El sueño de una marioneta”. Fernando Rubio.

Edita: La Guarida Ediciones, 2014. PVP: 19,50 €.

Recomendación 19/03/14

Hai libros que aínda que pasen cincuenta anos desde a súa publicación seguen a manter a súa frescura, o seu marabilloso encanto. Un deses libros é, desde logo, “O crepúsculo e as formigas”, de Xosé Luís Méndez Ferrín, unha colección de relatos breves nos que a morte, a traxedia e a decadencia humana teñen un protagonismo especial desde a primeira até a última páxina. De amena e doada lectura, “O crepúsculo e as formigas” pode ser un magnífico acompañante para estas tardes de escuridade e invernía. Faite con el na libraría A lus do candil de Arteixo.

“O crepúsculo e as formigas”. Xosé Luís Méndez Ferrín.

Edita: Edicións Xerais. PVP: 16,65 €.

Recomendación 17/03/14

Hoxe é un bo día para recomendar a lectura dun libro de poemas. “Raíz de fenda”, de Berta Dávila, é un deses poemarios que desbordan emoción e sensibilidade, paixón e verdade desde o primeiro até o último verso. Publicado por Edicións Xerais, a autora estrutura o volume en cinco partes nas que a voz poética devala, a modo de vaivén, por temas universais como a familia, o acto creativo, o abandono, a enfermidade ou a morte. Premio de poesía Johán Carballeira, eis uns versos que iluminan. Faite con esta espléndida obra na libraría A lus do candil de Arteixo.

Raíz de fenda”. Berta Dávila.

Edita: Edicións Xerais. PVP: 14 €.

Recomendación 14/03/14

O pasado 14 de febreiro celebramos o “Día d@s namorad@s”. Para nós e para vós, que estamos namorad@s todos os días do ano, nada mellor que celebralo cun agasallo especialísimo. Trátase de «coraSons», un orixinal e novidoso proxecto creativo no que participan grandes artistas do mundo galaico-lusófono dos nosos días. Con textos do colectivo CoraSons e fotografías de Isabel Leal, este traballo artístico conta coas voces de Magín Blanco, Sérgio Tannus, Pablo Vidal, Xosé Manuel Budiño, Najla Shami, Xoán Curiel, Carlos Blanco, Joao Afonso ou Uxía Senlle, entre outr@s. Editado porKALANDRAKA, o libro-CD inclúe 19 cancións e unha película de hora e media de duración. Un agasallo perfecto para un día especial e para quen guste da música e das emocións a flor de pel. Faite con el na libraría “Á lus do candil” de Arteixo.
“CoraSons”. VV.AA.
Edita: Kalandraka. PVP: 25 €.

Recomendación 12/03/14

A escritora Marilar Aleixandre é a autora dun fermoso conto titulado “Herbalúa”, que nos narra a viaxe de Helena á lúa na procura de herba para a súa ovella de trapo. Durante toda a noite, no tempo que dura o soño da nosa protagonista, vanse sucedendo toda sorte de encontros entre a pequena Helena e un exército de animais dos que habitan no firmamento das estrelas. Un conto sensible, ilustrado por Enjamio, e publicado por Galaxia na colección “árbore”. Faite con el na libraría “Á lus do candil”.

“Herbalúa”. Marilar Aleixandre.

Edita: Editorial Galaxia. PVP: 9, 30 €.

Recomendación 10/03/14

Se hai un libro de poemas singular, orixinal, deses que non deixan indiferente a ninguén, ese non é outro que “casa atlántica, casa cabaret”, de María Lado. Pasaron xa doce anos desde a publicación, na colección Ablativo Absoluto de Edicións Xerais de Galicia, deste sorprendente poemario no que se din cousas como: “sei que os amigos son como almorzar sopa con cacao”. De aí que nós, os que gustamos da boa poesía, non poidamos deixar de emocionarnos con estes versos, sempre tan de actualidade, sempre tan emotivos. “e se te vas e mercas un coche, eu sigo facendo tostas todas as mañáns”. Divino. Faite con el na libraría Alusdocandil de Arteixo.

casa atlántica, casa cabaret. María Lado.

Edita: Edicións Xerais.

 

Recomendación 07/03/14

Hoxe queremos recomendarvos a lectura dun libro espléndido, escrito polo xornalista Manuel Gago e ilustrado por Manuel Cráneo. Trátase de «Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia» (Edicións Xerais, 2013), un luminoso volume que nos remonta dous mil anos atrás e nos leva ata os tempos da Idade do Ferro. «Vento e chuvia» nárranos as fabulosas historias atribuídas aos poderosos deuses e guerreiros que poboaron a Gallaecia dos castros: Bormánico, Reue, Cossue, Nauia ou as misteriosas Sulas Nantugaicas (Sula Abana, Sula Ebura e Sula Coventina), as primeiras, segundo nos contan, en estar e as últimas en marchar. Temos aquí neste libro un verdadeiro tesouro, absolutamente descoñecido para o público lector, que cómpre descubrir e vivir, imaxinar e soñar.

Vento e chuvia”. Manuel Gago/ Manuel Cráneo

Edita: Edicións Xerais, 2013.