Recomendación 14/03/14

O pasado 14 de febreiro celebramos o “Día d@s namorad@s”. Para nós e para vós, que estamos namorad@s todos os días do ano, nada mellor que celebralo cun agasallo especialísimo. Trátase de «coraSons», un orixinal e novidoso proxecto creativo no que participan grandes artistas do mundo galaico-lusófono dos nosos días. Con textos do colectivo CoraSons e fotografías de Isabel Leal, este traballo artístico conta coas voces de Magín Blanco, Sérgio Tannus, Pablo Vidal, Xosé Manuel Budiño, Najla Shami, Xoán Curiel, Carlos Blanco, Joao Afonso ou Uxía Senlle, entre outr@s. Editado porKALANDRAKA, o libro-CD inclúe 19 cancións e unha película de hora e media de duración. Un agasallo perfecto para un día especial e para quen guste da música e das emocións a flor de pel. Faite con el na libraría “Á lus do candil” de Arteixo.
“CoraSons”. VV.AA.
Edita: Kalandraka. PVP: 25 €.

Recomendación 10/01/14

“coraSons” é o título dun orixinal e novidoso proxecto creativo no que participan grandes artistas do mundo galaico-lusófono dos nosos días. Con textos do colectivo CoraSons e fotografías de Isabel Leal, este traballo artístico conta coas voces de Magín Blanco, Sérgio Tannus, Pablo Vidal, Xosé Manuel Budiño, Najla Shami, Xoán Curiel, Carlos Blanco, Joao Afonso ou Uxía Senlle, entre outr@s. Editado porKALANDRAKA, o libro-CD inclúe 19 cancións e unha película de hora e media de duración. Un agasallo perfecto para quen guste da música e das emocións a flor de pel.

“coraSons”. Varios Autores.

Edita: Kalandraka, 2013. PVP: 25 €

Recomendación 01/11/13

Comezamos o mes de novembro cunha recomendación moi especial na que a música tradicional, de orixe popular, ten unha grande significación. Se che gustou a maxia dos arrolos de “Tic Tac”, de Pablo Díaz, nesta ocasión vas alucinar coa última proposta que nos ofrece a sempre sorprendente editorial Kalandraka. Como ? Aínda non tes o libro-disco “Pan de millo”, de Migallas Teatro, editado por Kalandraka? Ai, ai, ai. Pois dáte presa e faite con el na libraría “Á lus do candil” de Arteixo. http://www.youtube.com/watch?v=99IFveULHRw

“Pan de millo”. Migallas Teatro.

Edita: Kalandraka, 2013. PVP: 20 €

Recomendación 25/09/13

Hai un par de semanas inaugurouse en Outeiro de Rei a Casa-Museo Manuel María, un lugar máxico que vai albergar o legado literario e persoal dun dos poetas máis queridos da literatura galega de todos os tempos. Para @s que non puidéchedes acudir á inauguración e, aínda así, amades a poesía e sentides a forza telúrica dos versos do autor de “Terra Chá, nada mellor que acudir á “Fotobiografía Sonora. Manuel María” editada por Ouvirmos. Esta obra, ideal para coleccionistas, contén máis dun cento de fotografías do poeta -algunhas delas inéditas- así como dous extraordinarios CDs con poemas recitados polo propio autor e unha escolma de poemas de Manuel María musicados por Fuxan os Ventos, María Manuela ou Xurxo Souto, entre outros. Unha xoia que non vos podedes perder. Á venda na libraría “Á lus do candil”.

“Manuel María. Fotobiografía Sonora”.
Edita: Ouvirmos. PVP: 20 €

Recomendación 13/09/13

“De roda en roda, músicas e danzas do mundo” é un excelente proxecto divulgativo da autoría de Suso Cancelas, Javier Jurado e Pilar Sampil sobre as músicas e danzas tradicionais de diversas partes do mundo. O volume, editado por Galaxia, contén unha escolma selectiva de 21 pezas tradicionais, cada unha co seu son orixinal, gravadas nun CD con instrumentos propios dos seus países de orixe, explicadas dun xeito doado no libro e mostradas en DVD para que ninguén quede sen bailar e gozar da marabillosa experiencia musical. Un libro que é tamén “unha guía e unha viaxe xeográfica para quen queira aprender a rodar, a ir en roda, da man dos bailadores e bailadoras que, polo mundo adiante, inventaron pasos cos que lle sorrir á vida”. Fabuloso.

“De roda en roda, músicas e danzas do mundo”. VV.AA.
Edita: Editorial Galaxia, 2013. PVP: 25 €

Recomendación 27/08/13

Xa estamos de volta na libraría “Á lus do candil”, así que queremos empezar a semana con forza -e con poesía musicada da boa- recomendándovos unha espléndida obra, de rigorosa actualidade, titulada “Na lingua que eu falo”, de Najla Shami. Editado por Galaxia, “Na lingua que eu falo” é un magnífico agasallo para os corazóns máis sensibles. A voz poética de Rosalía de Castro actualizada nos acordes e na voz dunha intérprete que fai arrepiar os sentidos e a emoción en cada nota, en cada suspiro. Cada canción, un latexo. A nosa Rosalía pentagrada en aires novos. Sublime.

“Na lingua que eu falo”. Najla Shami.
Edita: Editorial Galaxia, 2013. PVP: 20 €

Recomendación 31/07/13

Hoxe despedímonos cunha recomendación que nunca pasa de moda, que sempre agrada recomendar e que, sobre todo, sorprende cada vez que reparamos na súa lectura. Trátase do marabilloso álbume de Mamá Cabra “Ola, ola, la!”, que inclúe un conto de Gloria Sánchez e está fermosamente ilustrado por Kristina Sabatte. Este volume, que contén un CD e un DVD Karaoke, lévanos a través das palabras e da música polo ilusionante mundo das emocións. “O tiburón Manolo/ da escola é profesor/ ensínalles ximnasia/ aos peixes do redor./ Glu, glu, glu/ plas, plas, plas/ navegando polo mar…”. Deliciosamente delicioso. Á venda na libraría “Á lus do candil”.

“Ola, ola, la!”. Mamá Cabra.
Edita: Editorial Galaxia. PVP: 20 €.

Recomendación 10/07/13

Hoxe mércores recomendamos unha novidade en galego moi especial, unha obra fabulosa, única, que recolle poemas inéditos do inesquecíbel poeta chairego Manuel María (1929-2004). “Os lonxes do solpor”, volume editado pola Fundación que leva o nome do egrexio poeta inclúe, amais de trinta e tres composicións até agora nunca antesrecollidas en libro, o disco “Andando a Terra” que compuxo Uxía Senlle sobre poemas de Manuel María e o DVD “De amor e cantería”, premio Mestre Mateo 2011. Para grandes amantes da literatura de nós.
“Os lonxes do solpor”. Manuel María.
Edita: Fundación Manuel María de Estudos Galegos. PVP: 20,00 €

Recomendación 4/06/13

Xa temos na libraría “Á lus do candil” o novo libro-CD publicado por Galaxia na súa marabillosa colección Sonárbore. Trátase de “Rosalía pequeniña”, un tesouro de melodías e palabras que nos chega da man e na voz de Uxía. Toda unha xoia dos sentidos e das emocións que se une a esa formidable nómina literario-musical á que pertencen outros álbumes como “Bicos de música”, “María Fumaça” ou máis recentemente “A nena e o grilo nun barquiño” do inigualable Magín Blanco. Que gozada!!! “Rosalía pequeniña/ soñaba con ser pirata/ a pequena Rosalía/ escribía na nosa fala (…)”.

“Rosalía pequeniña”. Uxía Senlle/ Marisa Seaone

Edita: Editorial Galaxia, 2013. PVP: 20 €

Recomendación 27/05/13

Recomendamos hoxe para comezar con bo pé a derradeira semana de maio, o Mes das nosas Letras, un marabilloso álbume: “Bicos de música”, de Mamá Cabra, editado por Galaxia na súa colección Sonárbore. Este libro-CD-DVD é unha auténtica gozada para reactivar os sentidos e para deixarse levar polo pracer da lectura e da música. Palabras e melodías para bailar, para choutar, para aprender a cruzar, para viaxar con Simbad, para chuchar mel…Bicos de música con CD e DVD para rir e gozar moitas horas!!!

“Bicos de música”. Mamá Cabra.

Edita: Editorial Galaxia, 2012. PVP: 22 €