Recomendación 26/03/14

Hai libros que emocionan, que conmoven e que perdurarán para sempre na nosa memoria. Un deles é, sen dúbida, o fermosísimo conto “Man, o alemán de Camelle” escrito con mestría pola profesora Beatriz Maceda Abeleira e ilustrado, con verdadeira maxia, por Laura Veleiro. Nunha ocasión o escritor Bertolt Brecht escribiu: “Hai homes que loitan un día e son bos. Hai outros que loitan un ano e son mellores. Hainos que loitan moitos anos e son moi bos. Pero hainos que loitan toda a vida: eses son os imprescindibles”. Man, o alemán de Camelle era destes últimos. Así o coñecemos en vida e así nolo mostrou Beatriz Maceda no seu espléndido libro.

“Man, o alemán de Camelle”. Beatriz Maceda/ Laura Veleiro.

EditaGalebook. PVP: 12 €.

Recomendación 24/03/14

“Crictor”, de Tomi Ungerer, é un deses contos clásicos que nunca pasa de moda. O autor, un namorado dos animais ata o punto de convertelos en personaxes principais das súas obras, conta a historia dunha singular serpe que aprendeu o alfabeto e a contar tan ben coma calquera ser humano. Unha historia fabulosa publicada por KALANDRAKA que non te podes perder de ningunha maneira. Faite co libro na libraría A lus do candil.

“Crictor”. Tomi Ungerer.

Edita: Kalandraka. PVP: 15 €.

Recomendación 20/03/14

Acabamos de recibir na libraría “Á lus do candil” unha marabillosa obra de teatro para nenos e nenas titulada “El sueño de una marioneta”. Non vos podedes imaxinar a fermosura deste volume, a súa exquisita sensibilidade, a súa maxia! Escrito por Fernando Rubio e ilustrado por Eugenia Nobati, estamos sen dúbida ante unha auténtica xoia da edición que dará moito que falar nos vindeiros meses. Publicado por La Guarida Ediciones en formato álbum, o libro inclúe catro libretos (un por cada personaxe) para facilitar a posterior representación da obra. Para amantes da lectura, do teatro e da escena. Delicioso.

“El sueño de una marioneta”. Fernando Rubio.

Edita: La Guarida Ediciones, 2014. PVP: 19,50 €.

Recomendación 12/03/14

A escritora Marilar Aleixandre é a autora dun fermoso conto titulado “Herbalúa”, que nos narra a viaxe de Helena á lúa na procura de herba para a súa ovella de trapo. Durante toda a noite, no tempo que dura o soño da nosa protagonista, vanse sucedendo toda sorte de encontros entre a pequena Helena e un exército de animais dos que habitan no firmamento das estrelas. Un conto sensible, ilustrado por Enjamio, e publicado por Galaxia na colección “árbore”. Faite con el na libraría “Á lus do candil”.

“Herbalúa”. Marilar Aleixandre.

Edita: Editorial Galaxia. PVP: 9, 30 €.

Recomendación 29/01/14

“Chocolata” é unha alegre hipopótamo que toma os seus baños diarios na lagoa. Un bo día escoita que na cidade hai unha casa de baños, e sae de viaxe coa intención de probala. Tanto lle chamou a atención aquela nova que probou e probou…ata que se deu conta de que coma na casa, nada de nada. Un conto sobre as ilusións, os desexos, a amizade, a importancia da experiencia e o valor daquilo que temos preto. Faite con el na libraría A lus do candil. Editado por OQO.

“Chocolata”. Marisa Núñez & Helga Bansch.

Edita: OQO Editora, 2014. PVP: 12,40 €

Recomendación 20/01/14

“A pantasma da Casa da Matanza” é o título do novo libro de Miro Villar, un fermoso volume para nen@s -e para @s que non o son tanto- ilustrado por Xosé Cobas e publicado por Biblos Clube de Lectores. O propio título xa nos sitúa nunhas coordenadas claramente marcadas: Rosalía de Castro, a súa vida, a súa alma, a súa poesía. Escrito en verso, a voz omnisciente semella querer situarnos ao pé da cama, nos último días da nosa Cantora. E dinos: “Rosalía aprendeume devagar/ os segredos da escrita do poema:
unha sílaba aguda vai sumar, /a esdrúxula restar, pensar bo tema
e nun branco papel todo apuntar”. Marabilloso.

“A fantasma da Casa da Matanza”. Miro Villar.

Edita: Biblos Clube de Lectores, 2013. PVP: 16 €

Recomendación 17/01/14

“Suleimán y Salúa”, do escritor Francisco Fernández Naval e o artista plástico Ali Ali é unha obra maxestosa, chea de vida, inspirada nun conto de tradición oral sirio ambientado nas historias de “As mil e unha noites”. O libro, editado por Trifolium nun formato de grande calidade estética, narra a historia de amor de dous seres (un humano e unha serea) absolutamente conmovedora. Non perdas ocasión de facerte con el na libraría “Á lus do candil”.

“Suleimán y Salúa”. Francisco X. Fernández Naval/ Ali Ali.

Edita: Trifolium, 2013. PVP: 35 €.

 

Recomendación 16/01/14

Sabes o que é un Dugongo? E unha Candorca? Acaso nunca oíches falar do Narval, do unicornio mariño? Faite co “Inventario dos mares”, un rico inventario que fomenta a curiosidade e o abraio en nenos e maiores, editado por Kalandraka. Un auténtico tesouro para coñecer a fondo o noso medio natural.

“Inventario dos mares”. Virginia Aladjidi.

Edita: Kalandraka, 2013. PVP: 16 €

Recomendación 14/01/14

Hai unhas semanas recomendabamos aquí un clásico da literatura infanto-xuvenil, “Contos de ratiños”, da autoría do escritor Arnold Label. Hoxe queremos volver retomar a obra literaria deste autor recomendándovos a lectura doutro dos seus libros máis coñecidos. Trátase do conto “O porquiño”, editado en galego porKALANDRAKA, unha historia divertida e conmovedora que fará as delicias dos lectores e lectoras máis esixentes.

“O porquiño”. Arnold Label.

Edita: Kalandraka, 2012. PVP: 15 €

Recomendación 08/01/14

Hoxe recomendamos a lectura dun espléndido libro de Agustín Fernández Paz, “Fantasmas de luz”, unha obra conmovedora que afonda no drama da exclusión social a que se ve sometida unha parte da sociedade. Damián leva media vida traballando como operador de cabina nun cine mais, cando se produce o peche da sala, acaba sendo despedido xunto cos demais empregados. A partir deste momento a súa vida experimenta un cambio notable que culmina na máis cruel invisibilidade e rexeitamento social. “Fantasmas de luz” é tamén unha sentida homenaxe ás vellas salas de cine que foron esmorecendo nos últimos anos. Un libro sensacional. Faite con el na libraría Alusdocandil de Arteixo.

“Fantasmas de luz”. Agustín Fernández Paz.

Edita: Edicións Xerais, 2012.