Recomendación 19/12/13

A editorial Baía é a responsable da publicación deste estupendo álbume ilustrado, “20.000 leguas baixo dos mares”, un dos grandes clásicos de Julio Verne traducido ao galego e destinado aos lectores e lectoras máis noviñ@s. As ilustracións, absolutamente cinematográficas, engaden maior atractivo a un libro fantástico, xa de por si extraordinariamente fermoso.

“20.000 leguas baixo dos mares”. Julio Verne.

Edita: Baía Edicións. PVP: 13,50 €

Recomendación 18/12/13

Un dos libros infantís máis celebrados dos último anos é, sen dúbida, “Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis”, un fermoso volume editado por Kalandraka con ilustracións de Kiko Dasilva. O libro, dirixido ao público lector máis novo, narra as divertidas peripecias de Martiño na ilusionante noite de Reis. Un libro para gardar moi pretiño do corazón.

“Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis”. Edita: Kalandraka.

Recomendación 10/12/13

Como sabedes, o xoves 19 imos ter connosco na libraría A lus do candil de Arteixo ao escritor Manuel Rivas. No acto, no que vai haber multitude de sorpresas, falará do seu magnífico libro “As voces baixas” e, por suposto, dunha das súas principais personaxes, oriúnda de Arteixo. Mais de todo isto falaremos nos vindeiros días. Hoxe o que imos facer é recomendarvos o seu último libro, recén saído do forno, titulado “O raposo e a mestra” (Xerais, 2013), un libro inzado de lirismo e de valores para os máis pequerrechos da casa. Un agasallo perfecto para este Nadal. Faite con el na libraría “Á lus do candil”.

“O raposo e a mestra”. Manuel Rivas.

Edita: Edicións Xerais, 2013. PVP: 10 €

Recomendación 09/12/13

Xa temos de novo na libraría A lus do candil as marabillosas aventuras dos Bolechas. Nesta ocasión, o libro-CD “Os Bolechas fan unha banda”, con colaboracións especiais de músicos coma Sés, O Sonoro Maxín, Ataque Escampe, Álex Casanova ou a rapeira Aid. Que chulada! Non hai mellor agasallo para este Nadal! Faite con el na libraría “Á lus do candil”.

“Os Bolechas fan unha banda”. Pepe Carreiro.

Edita: Bolanda, 2013. PVP: 14 €

Recomendación 02/12/13

“A Terra Queima”, é o título dun interesante proxecto do compositor coruñés Lalo Carnota que, ademais, inclúe un texto literario para nenos e nenas escrito polo polifacético Xurxo Souto. Neste libro-disco Antón, un rapaz do barrio coruñés das Lagoas, acode á chamada do corvo Roque para, entre os dous, ser quen de resolver un enigma no que está en xogo nada máis e nada menos que a salvación do planeta. A historia promete, verdade? Á venda na libraría “Á lus do candil”.

“A Terra Queima”. Lalo Carnota/ Xurxo Souto.
Edita: Edicións Xerais, 2013.

Recomendación 01/12/13

Hoxe temos moitos motivos para recomendar a lectura dun libro infantil espléndido, escrito por unha das autoras de referencia da literatura galega contemporánea, Fina Casalderrey. En primeiro lugar, porque se trata dun conto que, malia estar dirixido aos lectores e lectoras máis nov@s, é perfectamente recomendable para todos os públicos; en segundo lugar porque aborda a lacra da violencia de xénero, da que onte se “celebrou” o seu día, sen ningún tipo de roles nin esterotipos e, por último, porque está escrito pola recentemente elixida académica da RAG, Fina Casalderrey. Tres motivos -e quizais moitos máis- para somerxerse este martes na lectura de “Xela volveuse vampira!!”, libro publicado por Baía Edicións. Á venda na libraría “Á lus do candil”.

“Xela volveuse vampira!!”. Fina Casalderrey.
Edita: Baía Edicións. PVP: 8 €

Recomendación 19/11/13

Xa chegaron á libraría “Á lus do candil” os “DINOSAUROS” máis fascinantes que habitaron o planeta Terra. A editorial Baía Edicións acaba de publicar un formidable libro con imaxes espectaculares destes lagartos xigantes que durante séculosfascinaron aos nosos científicos. Ao longo do volume atoparemos unha grande variedade de especies, 150 animais en concreto, coas súas características fisiolóxicas e a súa particular forma de vida. Un álbume luminoso para coñecer que sucedeu realmente con estes grandes animais extinguidos hai xa máis de 65 millóns de anos. Á venda na libraría “Á lus do candil”.

“DINOSAUROS. 150 animais prehistóricos”. Roc Olivé.
Edita: Baía Edicións, 2013. PVP: 15,50 €

Recomendación 15/11/13

Amiguiños e amiguiñas; xa temos na libraría “Á lus do candil” de Arteixo a marabillosa “Escola de Escritura con Xabarín”, un estupendo agasallo para aprender a ler e a escribir xogando co noso amigo Xabarín (si, o da televisión de Galicia). Pásate pola libraría “Á lus do candil” e faite co teu exemplar antes de que nolos leven todos. A “Escola de Escritura con Xabarín” contén catro encerados diferentes para escribir e debuxar, un enorme crebacabezas e moitas, moitas divertidas actividades. Lembras? “Somos do clube da Galega, por fuciños, por cacheiras…”

Recomendación 07/11/13

Hoxe recomendamos un clásico da literatura infantil de todos os tempos: “O Crebanoces”, de Hoffmann, adaptado ao galego pola escritora María Canosa. Trátase dunha coidada edición de Pablo Zaera dun libro máxico para lectores e lectoras sensibles. As ilustracións, da autoría do debuxante galego David Pintor, son o corolario perfecto dun conto de Nadal extraordinario. Á venda na libraría “Á lus do candil”.

“O Crebanoces”. María Canosa Blanco (Adaptación ao galego)

Edita: Pablo Zaera Editor, 2012. PVP: 16,50 €

Recomendación 03/11/13

Continuamos coas nosas recomendacións literarias para o público lector máis novo, así que hoxe imos deternos nunha proposta do máis orixinal e divertida. Se hai unhas semanas recomendabamos aquí as trepidantes aventuras de “Xiana, a nena pirata”Editorial Everest Galicia, 2012), hoxe a nosa recomendación deixa a un lado as frías ondas do mar salgado para se adentrar nas cálidas e docísimas augas dun acuario. A escritora María Canosa Blanco, autora dunha prolífica obra no sempre esixente xénero infanto-xuvenil, ofrécenos esta marabilla en verso, “Acuario”, que fará as delicias d@s amantes da poesía e deses animaliños con branquias que habitan os nosos mares. Ilustracións de Dani Padrón. Á venda na libraría “Á lus do candil”.

“Acuario”. María Canosa Blanco.
Edita: Edicions Embora, 2012.