Recomendación 17/03/14

Hoxe é un bo día para recomendar a lectura dun libro de poemas. “Raíz de fenda”, de Berta Dávila, é un deses poemarios que desbordan emoción e sensibilidade, paixón e verdade desde o primeiro até o último verso. Publicado por Edicións Xerais, a autora estrutura o volume en cinco partes nas que a voz poética devala, a modo de vaivén, por temas universais como a familia, o acto creativo, o abandono, a enfermidade ou a morte. Premio de poesía Johán Carballeira, eis uns versos que iluminan. Faite con esta espléndida obra na libraría A lus do candil de Arteixo.

Raíz de fenda”. Berta Dávila.

Edita: Edicións Xerais. PVP: 14 €.

Recomendación 10/03/14

Se hai un libro de poemas singular, orixinal, deses que non deixan indiferente a ninguén, ese non é outro que “casa atlántica, casa cabaret”, de María Lado. Pasaron xa doce anos desde a publicación, na colección Ablativo Absoluto de Edicións Xerais de Galicia, deste sorprendente poemario no que se din cousas como: “sei que os amigos son como almorzar sopa con cacao”. De aí que nós, os que gustamos da boa poesía, non poidamos deixar de emocionarnos con estes versos, sempre tan de actualidade, sempre tan emotivos. “e se te vas e mercas un coche, eu sigo facendo tostas todas as mañáns”. Divino. Faite con el na libraría Alusdocandil de Arteixo.

casa atlántica, casa cabaret. María Lado.

Edita: Edicións Xerais.

 

Recomendación 03/03/14

No ano 2005 (así que xa choveu un pouco, e nunca mellor dito) a profesora da UDC Olivia Rodríguez preparou unha interesante antoloxía de poesía galega titulada “Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia”. Neste fermoso volume, publicado por Eneida en edición bilíngüe, podemos ler a obra poética de Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Olalla Cociña, Emma Couceiro, Estíbaliz Espinosa, Lucía Fraga, Modesto Fraga, Brais González, María Lado, Lucía Novas, Olga Novo, Emma Pedreira, Elvira Riveiro, Calros Solla e Xavier Vásquez Freire. Unha escolma do máis plural e representativa para entrar “na boca da literatura” da poesía de nós, que diría Manuel Rivas.

“Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia”. VV.AA.

Edita: Editorial Eneida. PVP: 18 €

Recomendación 15/01/14

“No balouçar do vento” é o título do primeiro poemario do poeta Antom Laia Lopez, un libro de versos amorosos no que a voz lírica naufraga nas deliciosas augas do intimismo máis fondo. Eis a palabra poética que conmove, a forza expresiva dopoema a liberar as ataduras do corpo: “seja o amor sangue que arrequente a fruta/ e seja a fruta polpa livremente petiscada/ e molhe a água os nossos corpos namorados!”. Poesía elevada para combater as rutinas do tempo que se nos vai lento, demorado.

“No balouçar do vento”. Antom Laia Lopez.

Edición de Autor, 2013. PVP: 13 €

Recomendación 18/11/13

Estamos no outono, asoman as primeiras folerpas e as follas comezan a caer inexorablemente. É o tempo das castañas, dos magostos e da poesía, así que hoxe imos recomendar un poemario titulado “Derrotas con raíces” de Modesto Fraga, editado por Sotelo Blanco Edicións na colección “Edoy Leliadoura”. Son un monllo de poemas imperfectos coma cicatrices de memoria, apenas un rastro de alento na contemplación da vida. Versos para vencer a derrota dos días que virán. Á venda na libraría “Á lus do candil”.

“Derrotas con raíces”. Modesto Fraga.
Edita: Sotelo Blanco Edicións.

Recomendación 05/11/13

“Un feixe de poesía na porta” é o título dunha interesante escolma de poemas de doce autores e autoras nov@s que acaba de ver a luz na colección Q de Vian Cadernos auspiciada polo animoso colectivo “A Porta Verde do Sétimo Andar”. Trátase dunha miscelánea plural, diversa e representativa da produción lírica dunha ducia de creadores e creadoras que nos ofrecen, a través dos seus versos, a súa particular visión do mundo. Eles/elas son: Natalia Alonso, María José Fernández López, Inma Alonso, Naír G. Abelleira, Lupe Bao, Ramón González, Cristina Corral,Xose IglesiasMaria Dovigo, Toño Núñez, Jose Estevez e Lois Pérez. “A Porta está aberta! Pasade sen chamar!”. Á venda na libraría “Á lus do candil”.

“Un feixe de poesía na porta”. VV.AA.
Edita: A Porta Verde do Sétimo Andar, 2013. PVP: 8 €

Recomendación 29/10/13

Hoxe é luns, así que toca poesía. Poesía, si, pero da grande, da máis excelsa e sublime. Poesía luminosa, necesaria para ler e aprender, para saboreala sen descando, para comela e bebela aos poucos. Son os versos do poeta Torneiro, ese silencioso orfebre da palabra que, en cada sílaba, en cada metro da súa versificación estrófica, constrúe o universo desde a nada. “Os ángulos da brasa”, libro editado por Kalandraka, vén de ser galardoado hai uns días co Premio Nacional de Poesía. Por algo será. Di Torneiro que “a poesía non serve para nada, grazas a deus, pero é indispensable”. Coincido co autor de “Memoria dun silencio” e atrévome a engadir: sobre todo aquela que, amais de conmover e aliviar o espírito, serve para iluminar a escuridade. Imprescindible volume. Á venda na libraría “Á lus do candil”.

“Os ángulos da brasa”. Manuel Álvarez Torneiro.
Edita: Kalandraka, 2013. PVP: 12 €

Recomendación 01/10/13

O pasado 27 de setembro Bernardino Graña cumpríu 81 anos de idade. Nada mellor para conmemorar a efeméride do “Poeta do mar” que lendo os seus versos, sempre luminosos. Da súa prolífica obra poética, que inclúe os libros “Profecía do mar”, “Non vexo Vigo nin Cangas”, “Himno verde” ou “Ardentía”, entre outros, nós imos recomendar hoxe a antoloxía “Ser auga, darse en auga”, que preparou Miro Villar e que publicou o PEN Clube de Galicia na súa colección Arte de Trobar. Un tesouro inmenso. Á venda na libraría “Á lus do candil” de Arteixo.

“Ser auga, darse en auga”. Bernardino Graña.
Edita: PEN Clube de Galicia. PVP: 19,80 €.

Recomendación 26/09/13

“Letras de Amor e Guerra” é o título dun poemario de Ramiro Vidal Alvarinho, poeta comprometido coas causas da palabra, da liberdade e do amor. No libro, editado por A Porta Verde do Sétimo Andar, atopamos unha voz poética singular, capaz de transitar por travesías tan diversas coma necesarias nun mundo -o noso- cada vez máis tendente á uniformidade e ao pensamento único. Poesía e verdade, pólvora e magnolias, amor e guerra. Á venda na libraría “Á lus do candil” de Arteixo.

“Letras de Amor e Guerra”. Ramiro Vidal Alvarinho.
Edita: Q de Vian Cadernos, 2012. PVP: 8 €

Recomendación 25/09/13

Hai un par de semanas inaugurouse en Outeiro de Rei a Casa-Museo Manuel María, un lugar máxico que vai albergar o legado literario e persoal dun dos poetas máis queridos da literatura galega de todos os tempos. Para @s que non puidéchedes acudir á inauguración e, aínda así, amades a poesía e sentides a forza telúrica dos versos do autor de “Terra Chá, nada mellor que acudir á “Fotobiografía Sonora. Manuel María” editada por Ouvirmos. Esta obra, ideal para coleccionistas, contén máis dun cento de fotografías do poeta -algunhas delas inéditas- así como dous extraordinarios CDs con poemas recitados polo propio autor e unha escolma de poemas de Manuel María musicados por Fuxan os Ventos, María Manuela ou Xurxo Souto, entre outros. Unha xoia que non vos podedes perder. Á venda na libraría “Á lus do candil”.

“Manuel María. Fotobiografía Sonora”.
Edita: Ouvirmos. PVP: 20 €