Recomendación 02/04/13

Hoxe, 2 de abril, o mundo enteiro conmemora a celebración do “Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil”, efeméride instituída a finais dos anos 60 coma homenaxe ao escritor danés Hans Christian Andersen, nado o 2 de abril de 1805. Desde a libraría “Á lus do candil” queremos participar desta data tan ilusionante recomendándovos a lectura da inxente e prolixa obra creativa dos nosos autores e autoras. A literatura galega conta hoxe con algunhas das máis prestixiosas editoras de todo o Estado: Kalandraka, Baía Edicións, Xerais, OQO, Galaxia, Sotelo Blanco, El Patito Editorial, etc, así como con autores e autoras da talla de Xabier P. Docampo, Concha Blanco, Fina Casalderrey, Anxo Fariña, Magín Blanco Ánxela Gracián, Beatriz Maceda, Agustín Fernández Paz ou Paula Carballeira, entre moit@s outr@s. Así que xa sabedes: hoxe, “Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil”, o mellor acompañante (para vós e para os vosos cativos) é esa cousiña de papel, palabras e ilusións chamada libro. Gozádeo!

Recomendación 27/03/13

A editorial Baía segue a sorprendernos coa súa altísima calidade e diversidade repertorial. Se hai unhas semanas enxalzabamos a magnífica colección de Grandes Clásicos Universais (“Pinoquio”, “A illa do tesouro”, “Peter Pan”…), agora é o turno deste “Compendio de Herbas Máxicas” absolutamente delicioso. O volume recolle centos de receitas “máxico-espirituais” atribuídas ás meigas, feiticeiras e meigos que, co seu bo facer, axudaron e axudan aínda hoxe a tantas persoas. Como é sabido, antigamente a humanidade vivía estreitamente vinculada á natureza e, polo tanto, eran grandes observadores das súas bondades e crueldades. Desa observación xurdiu o coñecemento das calidades dalgunhas plantas empregadas con fins curativos. De aí que esteamos perante un libro singular, cheo de maxia e sabiduría.

“Compendio de Herbas Máxicas”. Montse Rubio

Edita: Baía Edicións, 2012. PVP: 19 €

Recomendación 26/03/13

Este ano cúmprese unha década da publicación dun magnífico libro, “Anxos de Garda”, da autoría dunha das escritoras de referencia da literatura galega actual: Anxos Sumai. Neste volume, que recolle os luminosos artigos que a escritora de Catoira foi publicando semanalmente no portal web de Culturagalega.org, atopámonos diante dun relato en formato de diario de experiencias vividas apegado á actualidade das datas en que foi escrito, mais tamén incluíndo reflexións persoais e situacións que, sendo íntimas, son moi universais. Un excelente “Anxo de Garda” para nos protexer do ruído dos tempos que nos tocou vivir.

“Anxos de Garda”. Anxos Sumai.

Edita: A Nosa Terra. PVP: 12 €

Recomendación 25/03/13

Hai dous meses presentabamos con grande éxito na libraría “Á lus do candil” o novo traballo artístico do polifacético Tonhito de Poi, “O soro da verdade”. Foi unha velada extraordinaria, chea de anécdotas e espiritualidade. O de Riveira, excompoñente da mítica banda “Herdeiros da Crus”, como bo mariñeiro realiza un cambio de rumbo na súa traxectoria profesional e decide adentrarse en pleno corazón da Selva Amazónica. Desa apaixoante e vertixinosa viaxe nace o libro-disco “O soro da verdade” que inclúe, ademais das cancións do repertorio, o “Diario da Viaxe Cósmica á Amazonía”, un interesantísimo caderno no que Tonhito vai narrando a súa experiencia vital na Reserva Nacional do Purús. Unha obra para amantes da aventura.

“O Soro da Verdade”. Tonhito de Poi

Edita: Airapro, 2012. PVP: 15 €

Recomendación 22/03/13

Hoxe venres sae o sol, os paxaros cantan melodías celestiais e achegámonos, paseniño, á fin de semana previa ás vacacións de Semana Santa. Nada mellor, xa que logo, que recomendar un libro-disco especial, marabilloso, cheo de contos, ilusións e música. Trátase do volume “A nena e o grilo nun barquiño”, de Magín Blanco, ilustrado por Leandro Lamas. Como sabedes, mañá sábado, ás 7 da tarde, presentarémolo aquí en Arteixo, na libraría “Á lus do candil”. Un libro para gadar ben pretiño do corazón.

“A nena e o grilo nun barquiño”. Magín Blanco/ Leandro lamas

Edita: Fol Música, 2013. PVP: 20 €

Recomendación 21/03/13

Hoxe, 21 de marzo, comeza oficialmente a primavera. O mundo fica fascinado perante o equinoccio de primavera e os amantes da lírica celebramos o “Día Mundial da Poesía”, conmemoración instaurada pola UNESCO.

Polo tanto, a libraría “Á lus do candil” quere sumarse a esta data tan singular recomendando a lectura dun libro grandioso da autoría dunha das voces centrais e referenciais da poesía galega contemporánea. Trátase do poemario “Poesía reunida (1957-2001)”, de Xohana Torres, editado polo P.E.N Clube de Galicia na súa colección Arte de Trobar. Un volume excepcional dunha autora indispensable do noso sistema literario.

“Poesía reunida (1957-2001). Xohana Torres

Edita: P.E.N. Clube de Galicia. PVP: 14 €

Recomendación 19/03/13

Hoxe martes celebramos o “Día do Pai” e queremos facelo cunha recomendación literaria moi especial. Trátase do libro “Montañas na cama”, de María Molina, editado por OQO, unha das novidades máis agardadas da literatura infanto-xuvenil. Neste relato, a autora narra a incursión nocturna á habitación dos seus pais por parte de Martín abordando, así, a sexualidade con moitísimo humor, naturalidade e a dose xusta de tenrura. O tema do sexo non se debe evitar na infancia, xa que forma parte dunha educación saudable e a exposición sen prexuízos das mostras de amor contribúe ao desenvolvemento afectivo. No entanto, o seu enfoque debe ser acorde coa idade e a capacidade cognitiva. Por iso, é conveniente que o adulto ofreza información proporcional á curiosidade do neno ou nena e nunca máis da solicitada.

“Montañas na cama”. María Molina “Maricuela”.

Edita: OQO editora. PVP: 14,90 €

Recomendación 18/03/13

Unha das iniciativas máis interesantes dos últimos anos no ámbito da edición de poesía en lingua galega foi, sen dúbida, a aparición da colección “Os Libros de Caldeirón”.
Poetas como Paco Souto, María Lado, Alberte Momán, Lino Braxe, Emma Pedreira, Eli Rios ou Eduardo Estévez publicaron a súa obra nesta fermosa colección.
Hoxe recomendámosvos a poesía, sensual e sutilísima, de Elvira Ribeiro, autora deste “Carnia Haikai”, versos que suxiren cousas como:

“Chegas coas ondas:
coma ourizo de mar
énchesme a boca”.
“Carnia Haikai”. Elvira Ribeiro.

Libros de Caldeirón, 2012. PVP: 10 €

Recomendación 16/03/13

Onte a Asociación Galega de Editores fixo público o fallo dos seus premios anuais no transcurso da VIII Noite da Edición de Galicia. Na categoría ó mellor libro de ficción o galardón recaeu no libro “Morgana en Esmelle”, de Begoña Caamaño, que xa recomendamos noutra ocasión. Da mesma autora é “Circe ou o pracer do azul”, editado por Galaxia, que hoxe recomendamos nesta sección. Literatura da boa, da de sempre, desde unha ollada persoal e contemporánea.

“Circe ou o pracer do azul” Begoña Caamaño

Edita: Editorial Galaxia     PVP: 17.00 €