Recomendación 03/12/13

Xa temos na libraría A lus do candil a terceira parte das OBRAS COMPLETAS de Roberto Vidal Bolaño (na que se inclúen títulos como “Bailadela da morte ditosa”, “Cochos” ou “Laudamuco, señor de ningures”) e DOENTES, unha das obras de referencia do grandísimo dramaturgo compostelá. Publicadas por Edicións Positivasnun formato moi coidado. Faite con elas na libraría “Á lus do candil”.

“Doentes”. Roberto Vidal Bolaño. PVP: 10 €
“Obras Completas III. Roberto Vidal Bolaño. PVP: 25 €

Recomendación 25/10/13

Chega aos andeis da nosa libraría a última obra da polifacética Paula Carballeira Cabana, “O refugallo”, editada por Xerais na colección Biblioteca Dramática Galega. A obra, ilustrada por Dani Padrón, foi galardoada co VI Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil na edición de 2011. “O Refugallo” é a historia de catro extravagantes personaxes que xogan a crear un mundo novo a partir do mundo vello e roto da súa contorna, porque son nenas e nenos, e saben ver as cousas doutra maneira. Isolda ten un libro de viaxes; Hipatia, un telescopio; Borboronte, unha tartaruga e Lustucrú, unha pata de pau. Os catro viven do refugallo, co que ninguén quere. Unha historia de optimismo e confianza, de ilusións e verdade. Á venda na libraría “Á lus do candil”.

“O refugallo”. Paula Carballeira. (Ilustracións de Dani Padrón).
Edita: Edicións Xerais, 2013. PVP: 15 €

Recomendación 17/10/13

“Valentino Rufini e Àkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can)” é unha comedieta farsesca, da autoría de Roberto Salgueiro, dirixida ao público xuvenil. A historia, editada por Baía Edicións na súa colección “Meiga Moira”, está ambientada na Venecia dos albores do século XVIII. Unha obra divertida con altas doses de poesía e moito, moito bo humor. Á venda na libraría “Á lus do candil” de Arteixo.

“Valentino Rufini e Âkil Pillabán, de viaxe a Milán”.
Edita: Baía Edicións, 2009. PVP: 7,50 €

Recomendación 27/09/13

De Raúl Dans, dramaturgo, autor teatral, guionista e mil cousas máis poderiamos pasar a tarde enxalzando as súas virtudes profesionais e o seu incuestionable éxito tanto na pequena pantalla como nas táboas do teatro. Porén, hoxe imos optar pola súa faceta de escritor, de atento observador das novidades máis actuais. “Un mosquito de nome Henry”, editado por Baía Edicións, é unha historia de superación protagonizada por un personaxe inconformista que soña con ser aviador malia ser completamente miope. Unha obra dramática infantil que mereceu o X Premio Barriga Verde de textos teatrais. Á venda na libraría “Á lus do candil”.

“Un mosquito de nome Henri”. Raúl Dans.
Edita: Baía Edicións, 2013. PVP: 9 €

Recomendación 29/06/13

Este ano, como todo o mundo sabe, a figura homenaxeada co “Día das Letras Galegas” foi Roberto Vidal Bolaño (Compostela 1950-2002), home de cultura, dramaturgo, director teatral e, ante todo, actor comprometido co país e co oficio desde a espada da palabra e a dignidade humanas. A súa foi unha vida breve pero intensa, curta no periplo vital pero vertixinosa no emocional, no eterno, no que perdura, no que engrandece e fica para sempre. Deixounos para a posteridade un legado monumental, tremendo, guste ou non nos círculos do poder ou no mediocre telón teatral de certa elite cultureta contemporánea a anos luz do pensamento e da visión que tiña do “teatro da vida” RVB. E, como queira que, se alguén sabe de teatro e coñece en profundidade a obra de Vidal Bolaño neste país, coincidiredes conmigo en que ese non é outro que Camilo Franco, escritor, xornalista e crítico teatral en diversos medios de comunicación. “Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño”, editado por Biblos Clube de Lectores, é un volume imprescindible para achegármonos, con entusiasmo e curiosidade, á vida e obra dun xenio sempre de rigorosa actualidade.

“Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño”. Camilo Franco

Edita: Biblos Clube de Lectores. PVP: 16 €

Recomendación 16/05/13

Na véspera do “Día das Letras Galegas” cómpre recomendar a lectura dun dos grandes clásicos da obra dramática de Roberto Vidal Bolaño: “As Actas Escuras”. Mais imos recomendar especialmente a edición publicada por A NosaTerra en 2005, cos fermosos debuxos de Pepe Carreiro. Unha xoia para gardar baixo sete chaves.

SINOPSE

Don Mauro debe redactar un informe co resultado das súas pesquisas, que será enviado a Roma para ser ratificado polo Supremo Pontífice, o Papa León XIII. Para esta tarefa, Don Mauro viaxa acompañado do seu sobriño Casiano, mozo librepensador, licenciado en Xeografía e Historia, que no seu afán da busca da verdade desde postulados científicos, causará certas reticencias tanto nos numerosos cóengos da catedral coma noutros representantes da curia eclesiástica, incluído o propio cardeal (…)

“AS ACTAS ESCURAS”. Roberto Vidal Bolaño. Edita: A Nosa Terra (2005)

 

Recomendación 13/05/13

Comezamos a Semana das Letras Galegas e queremos facelo rendendo merecido tributo ao grande Roberto Vidal Bolaño, autor ao que este ano se lle adica o “Día das Letras Galegas”. Son moitas -e moi representativas- as obras que estes días podemos adquirir sobre o comprometido dramaturgo galego, desaparecido prematuramente hai xa unha década. En todas elas atoparemos un pouquiño do alento dun xenio do noso teatro, da nosa cultura e da nosa lingua. Velaí unha pequena mostra dalgún dos títulos que tedes á vosa disposición na libraría “Á lus do candil”.

Roberto Vidal Bolaño. Obras publicadas en Edicións Laiovento, A Nosa Terra, Positivas, Toxosoutos, ASPG, El Patito Editorial…

Recomendación 25/04/13

Para hoxe, día 25 de abril, data que ficará para sempre nos anais da Historia polo que supuxo a Revolução dos Cravos portuguesa na consecución dos dereitos democráticos do pobo, faise obrigado recomendar a lectura do segundo volume das “Obras Completas” dun grande do noso teatro e da nosa dramaturxia, Roberto Vidal Bolaño. Edicións Positivas dá continuidade así ao seu meritorio e loable proxecto de recoller en seis tomos toda a produción teatral de Vidal Bolaño. No primeiro volume aparecen obras como “Animaliños”, “Rastros” ou “Saxo Tenor” mentres que neste segundo tomo as pezas escolmadas son “Mar revolto”, “A burla do galo”, “As actas escuras”, “Doentes”, “Días sen gloria” e “Agasallo de sombras”. Máis luz para volver sobre a obra dun dos grandes da nosa cultura, que este ano será homenaxeado co “Día das Letras Galegas”. Parabéns, e grazas polo esforzo, aos editores.

“Roberto Vidal Bolaño. Obras Completas. Vol. 2”

Edita: Positivas, 2013. PVP: 34 €