Recomendación 05/03/14

“Corría o ano 1866 cando os irmáns Holt anunciaban en Liverpool a creación da Blue Funnel Line, unha compañía navieira que nacía co propósito de proporcionar un servizo de vapores regular de Inglaterra a China. O “Priam”, un dos seus buques, naufragou nas Illas Sisargas nos primeiros días de xaneiro de 1889. As correntes achegaron até os areais de Alba e Sabón gran cantidade da carga do barco: un baúl ateigado de libras esterlinas, un piano que acabaría soando no primeiro café que houbo na Baiuca…” Así comeza o libro “De Liverpool ás Sisargas. A derradeira travesía do Priam”, de Xabier Maceiras Rodriguez e Fernando Patricio Cortizo. Eis un interesante volume para coñecer os misterios ocultos do fondo do mar.

“De Liverpool ás Sisargas”. Xabier Maceiras e Fernando Patricio.

Edita: Edicións Embora, 2013. PVP: 20 €.

Recomendación 04/03/14

“Xosé Neira Vilas. Memoria gráfica” é o título da primeira autobiografía do “Mago de Gres”, do escritor que converteu a Balbino, “un rapás da aldea”, no símbolo por excelencia da literatura galega do século XX. Nesta obra, publicada pola Editorial Bolanda, coñecemos de primeira man a experiencia vital, intelectual e humana dunha das grandes figuras da cultura galega de todos os tempos. Ninguén mellor que Xosé Neira Vilas para falarnos de Galicia, da emigración, da defensa da nosa lingua e da nosa cultura, dunha vida entregada á Terra que o viu nacer. Un libro imprescindible. Faite con el na libraría A lus do candil de Arteixo.

“Xosé Neira Vilas. Memoria gráfica”. Xosé Neira Vilas.

Edita: Editorial Bolanda, 2013. PVP: 19 €

Recomendación 03/03/14

No ano 2005 (así que xa choveu un pouco, e nunca mellor dito) a profesora da UDC Olivia Rodríguez preparou unha interesante antoloxía de poesía galega titulada “Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia”. Neste fermoso volume, publicado por Eneida en edición bilíngüe, podemos ler a obra poética de Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Olalla Cociña, Emma Couceiro, Estíbaliz Espinosa, Lucía Fraga, Modesto Fraga, Brais González, María Lado, Lucía Novas, Olga Novo, Emma Pedreira, Elvira Riveiro, Calros Solla e Xavier Vásquez Freire. Unha escolma do máis plural e representativa para entrar “na boca da literatura” da poesía de nós, que diría Manuel Rivas.

“Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia”. VV.AA.

Edita: Editorial Eneida. PVP: 18 €

Recomendación 29/01/14

“Chocolata” é unha alegre hipopótamo que toma os seus baños diarios na lagoa. Un bo día escoita que na cidade hai unha casa de baños, e sae de viaxe coa intención de probala. Tanto lle chamou a atención aquela nova que probou e probou…ata que se deu conta de que coma na casa, nada de nada. Un conto sobre as ilusións, os desexos, a amizade, a importancia da experiencia e o valor daquilo que temos preto. Faite con el na libraría A lus do candil. Editado por OQO.

“Chocolata”. Marisa Núñez & Helga Bansch.

Edita: OQO Editora, 2014. PVP: 12,40 €

Recomendación 24/01/14

O eminente profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato vén de publicar en Edicións Xerais de Galicia unha extraordinaria obra de carácter académico titulada “Estilística da Lingua Galega”. O volume, de grande interese filolóxico, aborda de xeito detallado os aspectos gráficos, fonéticos, morfosintácticos e léxico-semánticos da nosa lingua partindo dos textos escritos polos autores e autoras do noso patrimonio literario. Un libro, certamente, para engrandecer unha lingua de cultura, unha literatura de nós.

“Estilística da Lingua Galega”. Xosé Ramón Freixeiro Mato.

Edita: Edicións Xerais de Galicia, 2013. PVP: 28, 50 €

Recomendación 20/01/14

“A pantasma da Casa da Matanza” é o título do novo libro de Miro Villar, un fermoso volume para nen@s -e para @s que non o son tanto- ilustrado por Xosé Cobas e publicado por Biblos Clube de Lectores. O propio título xa nos sitúa nunhas coordenadas claramente marcadas: Rosalía de Castro, a súa vida, a súa alma, a súa poesía. Escrito en verso, a voz omnisciente semella querer situarnos ao pé da cama, nos último días da nosa Cantora. E dinos: “Rosalía aprendeume devagar/ os segredos da escrita do poema:
unha sílaba aguda vai sumar, /a esdrúxula restar, pensar bo tema
e nun branco papel todo apuntar”. Marabilloso.

“A fantasma da Casa da Matanza”. Miro Villar.

Edita: Biblos Clube de Lectores, 2013. PVP: 16 €

Recomendación 17/01/14

“Suleimán y Salúa”, do escritor Francisco Fernández Naval e o artista plástico Ali Ali é unha obra maxestosa, chea de vida, inspirada nun conto de tradición oral sirio ambientado nas historias de “As mil e unha noites”. O libro, editado por Trifolium nun formato de grande calidade estética, narra a historia de amor de dous seres (un humano e unha serea) absolutamente conmovedora. Non perdas ocasión de facerte con el na libraría “Á lus do candil”.

“Suleimán y Salúa”. Francisco X. Fernández Naval/ Ali Ali.

Edita: Trifolium, 2013. PVP: 35 €.

 

Recomendación 16/01/14

Sabes o que é un Dugongo? E unha Candorca? Acaso nunca oíches falar do Narval, do unicornio mariño? Faite co “Inventario dos mares”, un rico inventario que fomenta a curiosidade e o abraio en nenos e maiores, editado por Kalandraka. Un auténtico tesouro para coñecer a fondo o noso medio natural.

“Inventario dos mares”. Virginia Aladjidi.

Edita: Kalandraka, 2013. PVP: 16 €

Recomendación 15/01/14

“No balouçar do vento” é o título do primeiro poemario do poeta Antom Laia Lopez, un libro de versos amorosos no que a voz lírica naufraga nas deliciosas augas do intimismo máis fondo. Eis a palabra poética que conmove, a forza expresiva dopoema a liberar as ataduras do corpo: “seja o amor sangue que arrequente a fruta/ e seja a fruta polpa livremente petiscada/ e molhe a água os nossos corpos namorados!”. Poesía elevada para combater as rutinas do tempo que se nos vai lento, demorado.

“No balouçar do vento”. Antom Laia Lopez.

Edición de Autor, 2013. PVP: 13 €

Recomendación 14/01/14

Hai unhas semanas recomendabamos aquí un clásico da literatura infanto-xuvenil, “Contos de ratiños”, da autoría do escritor Arnold Label. Hoxe queremos volver retomar a obra literaria deste autor recomendándovos a lectura doutro dos seus libros máis coñecidos. Trátase do conto “O porquiño”, editado en galego porKALANDRAKA, unha historia divertida e conmovedora que fará as delicias dos lectores e lectoras máis esixentes.

“O porquiño”. Arnold Label.

Edita: Kalandraka, 2012. PVP: 15 €